Friday 17 de May de 2024

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia márcanse outubro como data para presentar a delimitación do trazado e a recompilación de documentación histórica


As primeiras accións promocionais terán lugar no Obradoiro co gallo das regatas Navega o Camiño (xullo) e La Solitaire (setembro)

Os promotores do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia acordaron marcar o mes de outubro como data para presentar os traballos de delimitación do trazado e a recompilación de toda a documentación histórica sobre esta ruta Xacobea. Unha presentación que se realizará tanto diante da Dirección Xeral de Patrimonio como da sociedade en xeral. As primeiras accións promocionais terán lugar no Obradoiro co gallo das regatas Navega o Camiño (xullo) e La Solitaire (setembro), mentres que a próxima reunión terá lugar na primeira semana de setembro nunha data aínda por fixar.

Así o acordaron os alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras dos nove municipios que promoven este trazado (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago), así como representantes do tecido empresarial, turístico e cultural da comarca reunidos en Lousame. Un encontro no que xustificaron a súa ausencia os representantes do Concello de Brión e da Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-Noia.

A alcaldesa de Lousame e coordinadora da iniciativa, Teresa Villaverde, explicou que xa se contrataron os traballos de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. Uns estudos cuxo coste será asumido pola Asociación Rural de Desenvolvemento Ría Muros-Noia e que poderían estar listos no prazo dun mes.

Así mesmo, anunciou que a segunda fase destes traballos, consistentes na delimitación do trazado Xacobeo e as medidas a adoptar para a súa protección, realizarase nos próximos meses en colaboración cos servizos de Urbanismo dos nove municipios que promoven esta iniciativa. “O obxectivo é poder chegar a outubro coas dúas partes do traballo feito e poder presentarnos no Obradoiro xa constituídos como agrupación de concellos”, explicou Villaverde Pais, quen apuntou que “a aprobación dos estatutos da Asociación quedará para a próxima reunión no mes de setembro”.

Camiño cultural, primeiro paso

O obxectivo destes traballos é cumprir coas esixencias marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio para o recoñecemento do trazado do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia como “ruta cultural”. Trátase dun paso previo á oficialización da ruta como trazado Xacobeo e que permitiría que a agrupación puidera optar ás axudas públicas que se convocan para este fin.

Tal e como se acordara na reunión de maio, no encontro deste mes os representantes municipais trouxeron informados a proposta de estatutos da futura Asociación de Municipios do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. Durante as próximas semanas procederase a integrar as achegas realizadas polos distintos secretarios e interventores municipais co obxectivo de poder aprobar os estatutos na próxima reunión, que terá lugar na primeira semana de setembro.

Promoción

Finalmente, e dando continuidade á idea proposta en maio de realizar actividades conxuntas relacionadas co Camiño, todos os presentes acordaron comezar as actividades de promoción coincidindo con dúas iniciativas náuticas que terán lugar na zona nos próximos meses: a terceira edición de Navega o Camiño (que chegará a Muros o 28 ou 29 de xullo) e La Solitaire (que arribará a Porto do Son o 7 de setembro). En ambos casos, os participantes nestas regatas desprazaranse ata Compostela seguindo o trazado do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia ata chegar ao Obradoiro, onde terá lugar un acto promocional no que tomarán parte os nove municipios e as asociacións que promoven este trazado Xacobeo.

Na reunión celebrada no salón de plenos lousamiá estiveron presentes as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso; e Outes, Beatriz Molinos; así como o alcalde de Noia, Santiago Freire. Tamén asistiron o primeiro tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; a concelleira de Turismo de Ames, María Isabel González; o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte; o concelleiro de Turismo de Porto do Son, José Manuel Deán; así como a técnica de Turismo de Ames, Sonia Moure. Así mesmo, participaron Manuel Lema, presidente da Asociación Turístico Comarcal Ría de Muros-Noia; e Francisco Pérez, presidente da asociación de empresarios Noia Histórica.

O próximo encontro terá lugar na primeira semana de setembro nunha data aínda por fixar.